O concello de Ribeira asumirá a sentenza que obriga a clausurar a gasolineira de Xarás

RIBEIRA> O concello de Ribeira asumirá a sentenza que obriga ó cese da actividade da gasolineira de Xarás. Malia solidarizarse coas traballadoras afectadas, dende o goberno entenden que non queda máis remedio que cumprir co mandato xudicial que declara nula a licenza da instalación por estar construída en terreos afectados por un incendio forestal.

O 18 de outubro é a data límite para que a gasolineira SBC cese a súa actividade. Así o establece a sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou ó concello de Ribeira declarada nula a licenza da instalación por estar construída en terreos afectado por un incendio forestal. Dende o actual goberno responsabilizan ó anterior executivo desta situación por ter concedido, non só unha, senón dúas licenzas que resultaron nulas.

A primeira licenza, outorgada en 2013 foi anulada en primeira instancia en 2017 polo Xulgado do contencioso administrativo. Daquela o concello recorreu e volveu outorgar licenza en 2021, trala presentación dunha subsanación por parte da empresa. Isto, din, a pesar de existencia de informes técnicos desfavorables.

Lonxe de seguir a recorrer no que cualifican como unha fuxida cara diante, o goberno non recorrerá a sentenza e cumprirá co mandato xudicial para evitar investir máis recursos públicos nun procedemento sen máis percorrido xurídico.

A sentenza establece un prazo de 10 días hábiles para clausurar a instalación e cesar a actividade pero non se refire á necesidade de demolición para restituír a parcela ó seu estado inicial. Cuestión esta que haberá que dirimir nun futuro e cuxo custo recaerá tamén sobre as arcas municipais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí