Comeza a reforma integral da piscina de Lousame

LOUSAME> O Concello de Lousame iniciou as obras de reforma integral da piscina municipal. A actuación , con cargo ó Plan Complementario da Deputación, suporá un investimento de máis de cen mil euros.

A crise sanitaria obrigou a aprazar o inicio da reforma da piscina de Lousame que finalmente arrancou esta semana e estará rematada a finais do mes de agosto. A empresa adxudicataria,  ‘Jstop Obras e Servicios’, procedeu xa á demolición do antigo pavimento e do muro perimetral para proceder posteriormente á ampliación da zona de praia.

O proxecto inclúe o cambio do sumidoiro do vaso por outro novo con reixa de plástico e a revisión e selado de inxectores do vaso da piscina. Tamén se impermeabilizará o vaso da piscina cunha membrana antiesvarante e instalarase un novo pavimento no exterior feito en soleira de formigón armado.

Na sala de máquinas está previsto colocar unha nova electrobomba e un novo circuíto de tuberías, válvulas e accesorios precisos para o vaso da instalación. Así mesmo, instalarase unha nova fontanería e dous novos reguladores do PH e do cloro da auga piscina.

Na parte eléctrica, colocarase unha rede eléctrica de distribución interior da sala de máquinas, substituirase o alumeado da zona de vestiarios e colocarase unha nova instalación de electricidade para o alumeado exterior, con novas luminarias LED. Ademais, deixarase unha canalización en tubaxe de PVC para unha posterior instalación de paneis solares.

Acometerase tamén o acondicionamento da carpintería e as paredes, ás que se lles aplicarán tratamentos protectores e antihumidades, así como dúas mans de pintura. As obras, orzamentadas en cento quince mil euros, están incluídas no Plan Complementario do Plan Único 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí