Poio espalla o seu San Xoán pola parroquia cunha programación que escapa dos eventos masivos

POIO> Poio prepárase para celebrar este ano un San Xoán diferente. Os festexos vanse estender por toda a parroquia, cunha programación alternativa elaborada exclusivamente por artistas e colectivos locais. Haberá música e actividades infantís e tampouco faltará o tradicional concurso fotográfico das fogueiras.

Os festexos multitudinarios do San Xoán de Poio quedan este ano na casa. A crise do coronavirus obrigou ó concello a redeseña-la programación festiva para adaptarse á nova normalidade. Non haberá nin gran sardiñada nin verbenas nin lectura de pregón, pero si un programa alternativo para que unha data tan sinalada na localidade non pase de longo este ano.

A programación alternativa desenvolverase do 23 ó 28 con iniciativas que serán ofrecidas exclusivamente por artistas e colectivos locais. Haberá espectáculos de monicreques e pallasos e tamén varias actuacións musicais, entre elas, a da da Escola de Acordeóns de Campelo e as bandas de Arcade e Meaño.

Unha das actividades máis emblemáticas da programación habitual que si se mantén é a da recollida de herbas de San Xoán, que terá lugar a tarde do vindeiro martes. Esa noite non haberá grandes sardiñadas, pero si degustación de sardiñas nos establecementos hostaleiros do municipio, nun intento do goberno local por relanzar a economía local, que se suma á campaña ‘Merca en Poio polo San Xoán’ destinada ó comercio local.

O goberno local xa avanza que a programación do verán en Poio irá na mesma liña que a deseñada para o San Xoán, cunha aposta polo talento propio e pensando sempre na recuperación dos sectores produtivos do concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí