A Deputación de Pontevedra inverte 2,5 millóns de euros na “Re-Acción Cultural” da provincia

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra pon en marcha un novo plan para reactivar a cultura da nosa provincia. En total, a administración provincial inverterá 2,5 millóns de euros neste sector. O fará a través do programa coñecido como “Re-Acción Cultural”.

2,5 millóns de euros. Esa é a cantidade que a Deputación de Pontevedra inverterá na reactivación cultural. O obxectivo deste plan e achegar a todos os recunchos da nosa provincia diferentes actividades para recuperar os eventos en vivo.

O Plan “Re-Acción Cultural” está baseado en 6 eixos principais. O primeiro, a música, onde se enmarcan eventos como os Rías Baixas Fest, o Musigal ou o Pontegal. O segundo piar deste programa é o Patrimonio e as Rutas Xacobeas. A principal proposta dentro desta liña é o proxecto Música no Ar.

A institución provincial poñerá tamén o foco nas artes escénicas, tratando de reabrir os telóns co programa Prendendo butacas. Por outra banda, A Deputación tratará tamén de reactivar o audiovisual e o cinema, apoiando eventos como o Curtas Armadiña, o Novos Cinemas ou o Curtas Film Fest.

Unha das últimas patas deste programa será a escrita con iniciativas como a Escola das Letras ou os roteiros literarios. Por último, a Deputación apoiará a outros colectivos e asociacións que están a traballar no eido da cultura. O plan “Re-Acción Cultural” poñerase en marcha nas vindeiras semanas e prolongarase ata o mes de decembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí