O Concello de Poio habilita un itinerario peonil en Combarro como medida “anti Covid-19”

POIO> O Concello de Poio toma medidas de seguridade anti Covid no casco histórico de Combarro. Ademais do uso obrigatorio de máscara e, co obxectivo de evitar aglomeracións, o goberno municipal habilitará un itinerario peonil.

O casco histórico de Combarro prepárase para acoller a visita de centos de turistas durante a tempada estival. Co obxectivo de evitar posibles rebrotes e garantir a seguridade de toda a cidadanía, o Concello de Poio anunciou hoxe unha serie de medidas anti Covid. Ademais do uso obrigatorio da máscara, o goberno municipal recomenda que se usen as rúas nunha única dirección seguindo, polo tanto, o sentido marcado nesta liña azul.

Outra das medidas que o goberno municipal implantará no casco histórico de Combarro afecta directamente aos comerciantes. Este verán non veremos esta imaxe na que os establecementos utilizan as rúas para expoñer parte dos seus produtos.

Co obxectivo de mostrar aos turistas que Poio é un lugar seguro, o goberno municipal repartirá entre os comerciantes que cumpran as medidas, un distintivo coma este.

Con estas medidas, o Concello de Poio pretende que Combarro siga estando presente no mapa dos atractivos turísticos de Galicia.