Polémica en Cambados polos cambios ‘sen explicacións’ no sorteo de novos pérmex

CAMBADOS> Polémico sorteo para o reparto de novos permisos para o marisqueo a pé en Cambados. Unha ducia de aspirantes manifestáronse hoxe diante da confraría porque consideran que o procedemento non se fixo de xeito correcto. A substitución da primeira acta por outra na que figuraban nomes diferentes, enfadou aos candidatos. Xa anunciaron que presentarán un recurso pola vía administrativa.

A adxudicación de once novos permisos para o marisqueo a pé en Cambados remata con polémica. Ao empatar varios candidatos no baremos, foi necesario recorrer a un sorteo entre as 38 persoas que aspiraban ao posto. Disto deu conta unha acta que pouco despois foi substituída por outra na que aparecían nomes diferentes para estas prazas.

Hoxe levaron o seu enfado ás portas da confraría cambadesa. Só se concentraron as afectadas polo cambio, pero aseguran que contan co respaldo de moitas compañeiras e veciños de Cambados. Reclaman unha explicación que, aseguran, ninguén lles proporcionou.

De manterse a situación, non desbotan novas mobilizacións máis multitudinarias. Polo de momento, xa teñen o caso en mans dunha avogada. Se non conseguen unha solución pola vía administrativa, recorrerán á xudicial.

A primeira das actas estaba asinada polo patrón maior de Cambados, Ruperto Costa, a xefa do servizo de Recursos Mariños e dous axentes do servizo de extensión, que actuaron como testemuñas. A segunda unicamente tiña a sinatura da xefa de servizo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí