O PP, primeira forza tamén no Salnés

SALNÉS> Na comarca do Salnés, o Partido Popular gaña tamén as eleccións en todos os municipios con dúas excepcións: A Illa mantense como bastión socialista, e o BNG dá a sorpresa no Grove. Ademais, os nacionalistas sitúanse como segunda forza en practicamente todos os concellos. En Común tampouco conseguiu representación en Arousa.

En xeral, no Salnés reprodúcense os resultados que deixou a xornada electoral de onte en toda Galicia. O Partido Popular gaña en todos os concellos con dúas excepcións: A Illa mantense fiel ao PSOE e o BNG dá a sorpresa no Grove. Na comarca acadaron 39.479 apoios, case catro mil menos que no 2016.

Os dez escanos que conseguiron na provincia de Pontevedra permiten a entrada da popular vilagarciá Elena Suárez, número 10 na candidatura pontevedresa.

O sorpasso do BNG en Galicia tamén se deu no Salnés. A parte de ser a forza máis votada no Grove, os nacionalistas situáronse como segunda en practicamente todos os municipios: só non o conseguiron en Meis e Cuntis. Montse Prado, número dous da candidatura por Pontevedra, repetirá como deputada no Pazo do Hórreo.

Estes resultados contrastan cos conseguidos polo Partido Socialista. Poucas alegrías conseguiron máis aló do triunfo na Illa de Arousa. Relegados a ser terceira forza en Galicia e na comarca do Salnés, abren agora un período de análise interno. Julio Torrado, número 4 na candidatura socialista por Pontevedra, volverá estar no Parlamento.

O outro varapau da xornada electoral foi o que levou En Común. A coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova queda fóra do Parlamento esta lexislatura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí