Acordo entre Xunta e Recursos de Galicia para realizar a maior auditoría enerxética da historia da comunidade

CAMBADOS> A Xunta vén de asinar un convenio de colaboración coa sociedade Recursos de Galicia para desenvolver actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nos polígonos industriais e nos portos pesqueiros galegos. O acordo pechouse hoxe, nun acto que se celebrou no porto cambadés de Tragove. Un paso máis, aseguraron, cara a descarbonización e na aposta pola economía azul.

Promover o autoconsumo en polígonos industriais e portos de Galicia. É o obxectivo do convenio asinado esta mañá entre a Xunta e a sociedade Recursos de Galicia. Un acordo que busca desenvolver actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nestes espazos.

Lorenzana destacou o labor da sociedade Recursos de Galicia que, asegurou, vai na liña da política industrial e económica da Xunta. Que busca como fin último abaratar, dixo, a enerxía de todos os galegos.

Segundo explicou, os estudos que se van realizar en virtude deste convenio, van permitir que as industriais galegas e todos os portos de Galicia poidan ter no futuro unha enerxía moito máis barata e ir avanzando na descarbonización.

Pola súa banda, o conselleiro do Mar puxo en valor a suma de esforzos e que a través deste convenio se impulsan e melloran os portos galegos, co fin de facer rendible e sostible o sector, establecendo sinerxías que permitan afrontar os retos do futuro.

Villares recordou o investimento que a Xunta está a facer na mellora e acondicionamento dos portos galegos. Só no de Tragove, a achega acada os 1,7 millóns de euros para a mellora da lonxa e a renovación do firme, pavimento e luminarias con tecnoloxía LED.