Desmantelado en Boiro un laboratorio ilegal de xel desinfectante elaborado con augardente

BOIRO> Dous detidos en Boiro por comercializar xel hidroalcólico mesturado con augardente. O produto foi distribuído principalmente en centros sanitarios. A Garda Civil requisou sete mil litros do falso desinfectante.

O Xulgado de Ribeira instrúe a causa contra dous boirenses acusados de fabricar e comercializar falso xel hidroalcólico elaborado con augardente. O produto, fabricado nun laboratorio clandestino en Boiro, carecía de poder desinfectante posto que tan só contiña un vinte e cinco por cento de alcol fronte ó mínimo do setenta por cento requirido. Foi adquirido principalmente por centros de saúde e hospitais que, debido á escaseza e a urxente necesidade de contar con desinfectantes, non requiriron a presentación de documentación ou garantías de calidade.

Foron os propios usuarios dos servizos sanitarios os que deron a voz de alarma ó detectar o forte cheiro a augardente. A Policía Xudicial de Noia iniciou entón unha investigación constatando que empresa carecía da autorizacións oportunas da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios para a súa fabricación.

A operación ‘Quimigel’ como se denominou culminou coa detención dos dous presuntos estafadores e o desmantelamento do laboratorio ilegal que se atopaba nunha nave avícola en Boiro. No rexistro, a Garda Civil atopou catrocentos litros do falso hidroxel xa envasado. Ademais os axentes incautáronse de seis mil catrocentos litros de produto xa distribuído en hospitais e centros sanitarios de toda España.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí