VILAGARCÍA> Vilagarcía iza as súas dúas bandeiras azuis. A praia do Campanario e a da Compostela presumen dende hoxe do distintivo que as recoñece pola súa calidade e os seus servizos. O alcalde reivindica aproveitar tódalas potencialidades dos areais da cidade e de todo o tecido socioeconómico que se xera ao seu redor.
Vilagarcía dá por inaugurada a tempada de verán co izado da bandeira azul da praia da Compostela. Unha acción que tamén se repetiu esta mañá no Campanario, o outro areal que conta con este distintivo. No acto, o alcalde defendeu o traballo feito para contar con estas dúas insignias, que recoñecen a calidade das praias e tódolos servizos cos que contan.
Ademais, Varela aproveitou para reivindica-la necesidade de aproveitar tódalas potencialidades dos areais, entendidos como un elemento dinamizador do turismo e da actividade socioeconómica que se xera ao seu redor.
De cara ao ano que vén, o rexedor confía en poder recupera-la bandeira azul da praia do Preguntoiro, así como que a rexeneración da Compostela sexa unha realidade. Todo está, di, en mans de costas.