O Festaclown tirará de humor para reivindicar a igualdade e a sanidade pública

VILAGARCÍA> O FestaClown porá a nota humorística e rebelde ao verán de Vilagarcía. Lonxe de deixarse vencer polo coronavirus, a cita gaña días e celebrarase do 15 ao 22 de agosto. Este ano, todas as actuacións celebraranse na Praza da Segunda República, cumprindo coas medidas de seguridade sanitaria. Ademais, este ano presenta a súa cara máis reivindicativa: a sanidade pública e o papel nas mulleres do mundo da arte, terán cadansúa galas.

As risas, o espectáculo e a rebeldía en positivo volverán a Vilagarcía. Do 15 ao 22 de agosto, a localidade manterase fiel ao FestaClown. Na súa sexta edición, a cita garantirá o cumprimento de todas as medidas para previr os contaxios de COVID-19.

A cultura galega terá un peso especial este ano, sen deixar de lado artistas de renome internacional e estatal. Haberá incluso seis estreas, catro galegas e dúas internacionais. As actuacións serán todas na Praza da Segunda República, cun pase pola mañá e dous pola tarde.

A vertente máis social do Festaclown, coa colaboración de diferentes colectivos da vila, déixase fóra do programa este ano por mor da COVID-19. Pero substitúen o seu papel con dous galas reivindicativas: Cirqueiras, o día 15, sobre o papel das mulleres no arte, e A Saúde é o Primeiro, o venres 21, sobre a importancia da sanidade pública.

Para garantir o cumprimento das medidas de seguridade e de control de capacidade, porase en marcha un sistema de reserva de invitacións para os espectáculos. Así as cousas, reservaranse a metade das cadeiras para as persoas que non retiren invitación.