As vivendas turísticas de Galicia salvan a tempada da COVID-19 con boas cifras

GALICIA> As vivendas de uso turístico en Galicia están a salvar a tempada marcada pola COVID-19. Dende Aviturga explican que pecharon o mes de xullo cun 68% de ocupación; un dato que está lonxe das previsións de principio de ano, pero que permite ser optimistas no escenario coronavirus. Así as cousas, a incerteza xeral tamén afecta ao sector, que traballa sobre todo con reservas de última hora.

As vivendas de uso turístico están a ser unha das opcións máis populares para pasar as vacacións neste escenario marcado pola pandemia sanitaria. O sector pechou o mes de xullo cunha ocupación dun 68%. O dato disparouse ata o 80% no caso das vivendas illadas con piscina.

Para agosto tamén se agarda que a ocupación rolde o 80%. De cara ao mes de setembro, están a recibir numerosas consultas, pero de momento poucas se concretan en reservas debido á incertidume xeral.

Dende o sector insisten en que Galicia é un destino seguro. Ademais, a nivel estatal están a deseñar un protocolo de hixiene e desinfección fronte á COVID-19. Pola súa banda, dende Aviturga traballan para adaptalo á realidade galega, na que a maioría das vivendas son de particulares.

Avirtuga realizará actividades formativas sobre estas medidas dirixidas aos propietarios. Serán cursos online que lles permitirá acreditar os seus coñecementos en hixiene e prevención da COVID-19 coa validación da Xunta.