Comeza o procedemento contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo

PADRÓN> O Xulgado Número Tres de Madrid instruirá o procedemento sobre o incendio que arrasou máis de mil duascentas hectáreas en Rianxo en marzo de 2019. Os demandantes comezaron a personarse no xulgado de Padrón para outorgar a representación do procurador.

Comeza no xulgado de Padrón o proceso de outorgamento de representación do procurador para o xuízo contra Naturgy e Elecnor polo incendio de Rianxo que se celebrará en Madrid. Será o xulgado número tres da capital o encargado da instrución posto que alí teñen a súa sede as compañías contra as que se iniciou o procedemento como responsables civís do lume orixinado nun poste eléctrico en marzo de 2019 e que arrasou máis de mil hectáreas de monte.

Cinco comunidades de montes, as de Araño, Asados; Burés, Isorna e Leiro, así como medio cento de propietarios, promotores da demanda colectiva, realizarán ó longo de todo o mes de agosto a comparecencia de acreditación dos demandantes diante do secretario xudicial.

As medidas de seguridade impostas polo coronavirus obrigarán ós propietarios a personarse un a un para cumprir coas limitacións de capacidade polo que o proceso se alongará máis do previsto. Trátase do primeiro paso desta demanda que busca constituír un punto de inflexión sobra a planificación do monte, dotando ás comunidades duns recursos compensatorios polos efectos do lume que permitan sentar as bases dunha nova xestión da masa forestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí