PONTEVEDRA> Unha ludoteca pública de Pontevedra deixa fóra un neno con trastorno do espectro autista. A familia denuncia que os organizadores do Conciliaverán negáronse a reforzar os monitores para poder cubrir as necesidades especiais do cativo. Detrás da actividade está a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos, coa colaboración do concello de Pontevedra.
Algo que podería parecer tan sinxelo como inscribir un neno nunha ludoteca converteuse para Iria Novegil nunha batalla polos dereitos do seu fillo.
Seu pequeno chámase Gael ten tres anos e medio e ten diagnosticado trastorno do espectro autista. Precisa dunha atención especial que segundo asegura a súa nai no campamento público Conciliaverán, organizado pola Federación de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos en colaboración co concello de Pontevedra, lle negaron.
Iria relata que os organizadores explicaron que non tiñan recursos para sumar un monitor ao equipo. Tras varios intentos de contactar co concello, mantivo unha reunión co edil de Benestar, Marcos Rey, que lle trasladou que este ano non era posible atender esta demanda.
O vindeiro luns Gael comezará nun campamento de verán organizado polo concello de Marín. Aquí si atenderán as súas necesidades. Pero segundo explica esta pontevedresa, non é a primeira vez que ten que dar batalla para defender os dereitos do seu fillo. O vindeiro curso cambiará de colexio, despois de que o seu último centro se negara a reforzar o persoal de apoio.
A falta de recursos é a principal traba que se atopan estas familias. Non só na educación. A sanidade é tamén outro servizo que consideran deficitario para as súas necesidades.