PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra mantivo hoxe unha reunión cos representantes do sector da hostalería da cidade. Unha xuntanza que xurdiu tras a decisión do Goberno do Estado de pechar o ocio nocturno. Xustamente esta decisión foi un dos temas que se debateron nese encontro.
Escoitar as demandas e problemas que ten actualmente o sector da hostalería. Ese era o obxectivo desta reunión. Un encontro que, tras as medidas adoptadas polo Goberno do Estado, era máis necesario ca nunca.
O sector da hostalería é sen dúbida un dos máis afectados pola crise da Covid. De feito, segundo anunciou a patronal de Hostalería de España, tras esta pandemia poderían pechar un 15% dos bares e restaurantes do noso país. Por iso, os representantes locais deste sector reclamaron hoxe maiores axudas para poder sobrevivir.
Un dos últimos contratempos que sufriu este sector foi a decisión, por parte do Goberno do Estado, de pechar o ocio nocturno. Unha medida que sentou como un xerro de auga fría entre os hostaleiros da cidade.