O PSOE, disposto a negociar un bipartito co BNG: ‘Que poñan data e hora’

PONTEVEDRA> Mentres, as negociacións para formar goberno bipartito en Pontevedra continúan co freo posto. Hoxe foron os socialistas os que saíron á palestra. O voceiro Iván Puentes volveu tender a man ao BNG para retomar as conversas. Así, negou que o PSOE teña a decisión tomada de non entrar non executivo pontevedrés e asegurou que a pelota está no tellado dos nacionalistas.

O Partido Socialista de Pontevedra agarda que o BNG mova ficha para retomar as conversas para formar goberno. Hoxe aseguraron que seguen dispostos a falar e recordan que hai quince días que os nacionalistas teñen sobre a mesa un documento coas súas propostas.

Deste xeito, catro dos cinco edís socialistas na corporación pontevedresa, encabezados polo voceiro Iván Puentes, saíron ao paso das declaracións feitas o luns polo alcalde da cidade. Recordemos que Miguel Anxo Fernández Lores deu por suposto que non querían reeditar o bipartito.

De feito, Puentes defendeu que un goberno bipartito sería o máis axeitado para facilitar a gobernabilidade da cidade. E asegurou que, ata o de agora, a maioría das accións do goberno levan selo socialista.

Puentes lamentou tamén que a localización da feira ambulante na Alameda e a reapertura parcial ao tráfico de Raíña Vitoria, os únicos puntos de discrepancia, dixo, entre as dúas formacións, teñan o suficiente peso para frear as conversas entre BNG e PSOE.