PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra presentou hoxe un plan de axudas valorado en 7 millóns de euros. Con esta proposta, os populares buscan salvar o emprego da cidade tras a crise da Covid. O proxecto será presentado no próximo Pleno municipal.
“Salvar e impulsar o emprego e o comercio da cidade”. Ese é o obxectivo do plan integral presentado hoxe polo PP de Pontevedra. Unha liña de axudas valorada en 7 millóns de euros que se divide en diferentes sectores. A primeira proposta, de 1,8 millóns de euros, está destinada ás pequenas empresas.
Coa segunda medida, valorada en 1,2 millóns de euros, os populares pretenden executar unha bonificación para contratos fixos. A axuda, neste caso, sería duns 1.200 euros directos que beneficiarían a uns 1.000 traballadores da cidade. Por outra banda, no plan integral dos populares destínanse 2,25 millóns de euros para axudas ao aluguer das empresas e 1,7 millóns para os autónomos.
O plan integral dos populares non remata aquí. O PP de Pontevedra cre que todas estas medidas deberían estar complementadas cunha diminución nos impostos.
Rafa Domínguez cre que hai varias alternativas para levar a cabo este plan integral. O voceiro popular está convencido de que estes 7 millóns de euros poderían saír do superávit do Concello, dos remanentes ou do presuposto de 2021.