NOIA> A apertura desta mostra serviu tamén de posta de longo das renovadas instalacións do Museo Mar de Noia. As obras supuxeron un investimento de máis duns cincocentos mil euros.
A exposición de arte multidisciplinar ‘Pantoque Vía 1/ Mar de Noia’ que pode visitarse nas renovadas instalacións do Museo do Mar mostra o día a día dun estaleiro e dos seus traballadores a través de disciplinas como o debuxo, a escultura, a fotografía e o vídeo.
Os responsables da exposición son Ramón Trigo e Eduardo Armada que durante un ano conviviron cos traballadores do estaleiro Armada de Bouzas de Vigo para coñecer en primeira persoa a realidade desta profesión.
Durante o acto inaugural o alcalde, Santiago Freire, destacou o traballo recollido nesta exposición e as razóns que levaron ó executivo a querer exhibila no Museo do Mar.
A exposición, promovida no marco do proxecto de cooperación interterritorial e trasnacional Pasaporte REMA, é unha iniciativa promovida por tódolos GALP galegos. Está financiada polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca, que ten por obxecto a dinamización dos espazos de contido museístico atlántico.
A mostra poderá visitarse ata finais de setembro, en horario de once a dúas de martes a sábado, e de cinco e media a oito e media da tarde de martes a venres.
A pesar de que dende o Concello quixeron aclarar de que o acto organizado esta pasada fin de semana no novo espazo museístico non foi a súa inauguración, a razón é que a elección deste inmoble para acoller esta mostra itinerante levantou bastante polémica na vila.
Tanto o BNG coma o Partido Socialista acusaron ó Concello de querer deixar á marxe á asociación Mar de Noia, precisamente a entidade cuxos fondos deron vida ó Museo do Mar ata o de agora.
As dúas formación non entenden as razóns que levaron ó equipo de goberno a escoller como primeira actividade levada a cabo no novo edificio do Museo do Mar a unha exposición que non tencomo protagonista á etnografía e a historia marítima de Noia e a ría.