BOIRO> A Ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións participou en Boiro nun encontro con mariscadoras. Elma Saiz asistiu tamén á asemblea da ANMUPESCA onde se presentou o Mapa de Mulleres da Pesca na Provincia da Coruña.
A Ministra de Seguridade Social desprazouse este sábado a Boiro para manter un encontro con mariscadoras da localidade. Alí, Elma Saiz ratificou o compromiso do goberno central con este colectivo que trala aprobación da Lei de Pesca Sostible comezou a beneficiarse da aplicación do coeficiente redutor para poder xubilarse de xeito anticipado.
Tralo encontro, onde tivo ocasión de poñerse na pel das mariscadores comprobando a dureza do seu oficio, a ministra asistiu á asemblea da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca que aglutina a máis de mil traballadoras pertencentes a unha vintena de asociacións. Alí, o presidente da Deputación da Coruña presentou o Mapa das Mulleres da Pesca na provincia, unha ferramenta virtual que evidencia o peso feminino no sector, cun 42 por cento dos empregos ocupados por mulleres.
Valentín González Formoso lembrou que, a pesar de non ter competencias en materia de pesca, a Deputación segue a apoiar ó sector con medidas como a recente liña de axudas para o cerco.











