Valga recorrerá ao TSXG a sentenza que obriga á readmisión dos extraballadores do GES

VALGA> O concello de Valga estuda recorrer a sentenza que o obriga a readmitir os traballadores do Grupo Supramunicipal de Emerxencias. O alcalde asegura que o servizo xa non existe no seu municipio e que, polo tanto, non sería posible reincorporar o cadro de persoal despedido. Si están a estudar a indemnización que lles correspondería por final de contrato.

Readmitir os traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Valga non é unha posibilidade. Dende o concello aseguran que os seus asesores xurídicos desbotan esta opción tendo en conta que o servizo xa non existe e que, ademais, non é competencia local.

Tras estudar a sentenza do xulgado pontevedrés que se deu a coñecer esta semana, os servizos xurídicos xa valoran a interposición dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Polo que a opción que está sobre a mesa é negociar unha indemnización.

Precisamente, na sentenza o xuíz indica que a solución é complicada e que debe pasar pola negociación entre os exempregados e o concello. Bello Maneiro criticou tamén á oposición, e insistiu en que o GES custaba ás arcas municipais máis de 300.000 euros ao ano. Contía inasumible.

Valga decidiu renunciar ao GES a partires do 31 de decembro do 2019, no medio dun crecente conflito laboral cos traballadores do grupo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí