VALGA> Xa é Nadal en Extrugasa. A empresa valguesa organizou esta fin de semana o seu tradicional xantar para celebrar a chegada destas datas e o remate do ano. Clientes, provedores, empresarios da comarca, traballadores… centos de persoas acudiron á convocatoria, que regresa este 2022 despois do paro obrigado pola pandemia.
Clientes, provedores, empresarios da comarca, traballadores… centos de persoas reuníronse a pasada fin de semana na fábrica de Extrugasa no concello de Valga. O motivo: celebrar o seu tradicional xantar de Nadal.
Aos seus 83 anos, Andrés Quintá exerceu de anfitrión. Explicou no seu discurso que conta co mesmo ánimo co que empezou a súa vida profesional aos 14 anos, como aprendiz de Ferreiro.
O seu é un exemplo de saber facer. Extrugasa naceu como unha empresa familia. Máis de cincuenta anos despois segue a manter esta filosofía pero xa convertida nun dos referentes de transformación de aluminio a nivel mundial.
A día de hoxe, Extrugasa conta con ao redor de 650 empregados. Pero dende a súa apertura son milleiros os que pasaron polas súas instalacións, aprendendo os segredos do oficio.
Moitos deles volveron esta fin de semana á fábrica para participar deste xantar de Nadal. Máis especial, se cabe, porque é o primeiro que se fai trala pandemia.
A pesares dos tempos difíciles, Quintá ten claro cara onde debe camiñar a industria: mellorar a súa capacidade competitiva, conseguir unha maior internacionalización e incrementar o prestixio das marcas Galicia e España.