Valentín G. Formoso: ‘A contía do POS+2025 verase aumentada en máis dun 70%’

POBRA> A primeira parada do presidente da  Deputación da Coruña na súa visita de hoxe á Pobra producíase no Concello.

Ás portas da casa consistorial foi recibido polo alcalde, José Carlos Vidal, e demais membros da corporación.

Xa no interior das dependencias municipais foi convidado a asinar no libro de honra.

No mesmo despacho de alcaldía, mantivo tamén un breve encontro cos representas municipais, para trasladarse posteriormente ata o lugar da Mirandela.

O núcleo foi obxecto nos últimos meses dunha importante actuación financiada precisamente con cargo ó Plan de Obras e Servizos do organismo provincial cun orzamento de preto de 150 mil euros.

As obras supuxeron a mellora integral da zona, dando resposta ás numerosas demandas dos veciños alí residentes.

Na súa intervención o presidente Valentín González Formoso destacou tamén a importancia deste tipo de obras incluídas no POS, un plan provincial de axuda ós Concellos, que se verá ampliado de cara o ano que vén.

A última parada do presidente provincial na Pobra producíase á parroquia de San Isidro, para supervisar a actuación realizada no entorno do cruceiro de Abuín, que supuxo un investimento duns 45 mil euros.