CAMBADOS> A Asociación GaliciAme abrirá as portas da súa nova sede este vindeiro domingo. Vai ser cun evento solidario no que van actuar varios artistas, que levan tempo apoiando este colectivo. O Concello cedeu á asociación de Merchi Álvarez o uso da Casa Mariñeira de San Tomé, un pequeno espazo no que esta entidade terá unha oficina e tamén unha zona para o seu mercado solidario.
A asociación GaliciAme, fundada no 2015, dá un paso máis no seu empeño por apoiar ás persoas afectadas pola Atrofia Muscular. A partir deste vindeiro domingo, o colectivo que preside Merchi Álvarez estreará nova sede. Será nesta casa mariñeira do barrio de San Tomé, cedida polo concello de Cambados.
A posta de longo desta sede será este domingo, cun evento solidario no que participarán varios artistas. Malia o reducido tamaño das instalacións, GaliciAME quere sacarlle todo o partido posible, creando unha zona de oficina, para poder realizar consultar e xestións, e outra para o seu mercado solidario.
O colectivo chegou a un acordo co concello de Cambados, que cede estas instalación por cinco anos, co obxectivo de que a colaboración continúe no tempo. Aproveitan para recoñece-lo traballo de Merchi dende que puxo en marcha a asociación.
Ademais, sobre o seu caso persoal, Merchi Álvarez segue petando en tódalas portas posibles para consegui-lo financiamento para a súa segunda viaxe a Corea, onde atopou tratamento para a súa doenza. Cre que é o Sergas o que debería asumi-los custos e dise disposta a chegar ata o final, mesmo recorrendo á xustiza. Para este segundo tratamento en Corea, Merchi precisa uns 37.000 euros.