Viaxes en veleiro e visitas teatralizadas para despedir o verán na Pobra

A POBRA> O concello da Pobra estende a súa oferta de ocio ó longo dos meses de setembro en outubro co fin de desestacionalizar o turismo e incentivar a tempada baixa. Dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ desenvolverán viaxes en veleiro e visitas teatralizadas a cargo de Serafín Marcos.

Ata o dezanove de setembro será posible de desfrutar de viaxes en veleiro pola ría de Arousa. Sairán do porto deportivo da Pobra os sábados e domingos para realizar un percorrido moi vinculado á ruta xacobea.

O prezo da viaxe é de doce euros por adulto e oito para nenos. É preciso reservar praza no departamento de turismo.

A outra das propostas, subvencionada pola Xunta no marco do programa ‘O teu Xacobeo’ é o ciclo de visitas teatralizadas a cargo de Serafín Marcos da que aínda quedan dúas citas. A próxima este sábado no museo Valle-Inclán ás oito e media da tarde.

A intención do concello é dar continuidade a estes programas en vindeiras edicións  co fin de estender a oferta de ocio a toda a tempada baixa  e darlle o impulso definitivo ó turismo náutico.