A Xunta proxecta unha rotonda e dúas sendas para mellorar a seguridade na contorna do colexio de Xeve

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia presentou esta mañá o seu proxecto para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Santo André de Xeve. Actuarase nas estradas PO 223 e PO 224 cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, recollendo as propostas do propio centro e de STOP Accidentes. A intención é que os traballos comecen a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses.

Xa está listo o proxecto para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Santo André de Xeve, en Pontevedra.

As obras contan un orzamento de 2,2 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation. Actuarase en dúas estradas: na PO 223 e na PO 224. Na primeira habilitarase unha senda mixta de 1,9 kilómetros.

Tamén se farán melloras puntuais no trazado e se mellorarán as paradas de autobús. A outra clave do proxecto atopámola na PO224. Aquí, o actual cruce regulado por semáforos substituirase por unha rotonda.

Ademais, habilitarase outra senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Segundo a conselleira de Infraestruturas, todas as intervencións son froito do diálogo coa dirección do centro educativo e a asociación STOP Accidentes.

A intención da Xunta é que os traballos comecen ao final do verán, aínda que xa avanzan as expropiacións das 46 parcelas afectadas polas obras. A intervención terá un prazo de execución de 18 meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí