BOIRO> Segundo denunciaron dende o sindicato, a nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar realizouse sen publicidade algunha, vulnerando así claramente os dereitos que deben rexer todo concurso público.
Unha circunstancia que evidencia, segundo eles, unha total falla de transparencia.
Nin foi publicado na plataforma de contratos públicos de Galicia nin tampouco na sede electrónica do Concello, o que dificultaba o acceso ós pregos de condicións das posibles empresas aspirantes e xeraba serias dúbidas sobre a legalidade do proceso.
Este feito levou a Comisión Obreiras a presentar un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública, que agora vén de darlle a razón.
No Concello causou sorpresa esta denuncia, negando que houbera falla de transparencia no proceso, tal e como denuncia o sindicato.
Para o goberno boirense este servizo é vital, de aí a aposta realizada nel, investindo máis do dobre do presuposto que se destinaba a este fin en mandatos anteriores.
Aínda así a suspensión cautelar da contratación non afecta ó prazo de presentación de ofertas que seguirá aberto ata o vindeiro 26 deste mes de decembro para aquelas empresas interesadas en facerse co servizo.











