Boiro promocionará os produtos locais cunha feira ecolóxica

BOIRO> Esta mañá presentábase no Concello a Feira Eco-lóxica de ‘Saberes e Sabores’. Desenvolverase tódolos segundos e cuartos sábados do mes a partir do próximo 12 de xullo. Será na praza Terceira Idade, detrás do Centro Social.

Con esta Feira Eco-lóxica, de ‘Saberes e Sabores’, o Concello pretende retomar o mercado de produtos locais e de proximidade que se viña celebrando de xeito puntual no municipio. A iniciativa dará comezo o vindeiro 12 de xullo e a partir de aí levarase a cabo os segundos e cuartos sábados de mes, entre as dez da mañá e as dúas da tarde, na praza da Terceira Idade detrás do Centro Social.

Para a primeira feira xa hai confirmados uns 17 postos de venda, con produtos de todo tipo como artesanía, produtos da horta e establecementos de segunda man. Pero non será só iso. Tamén haberá un espazo para as asociacións culturais do municipio e música en directo entre outros atractivos.