O GROVE> Atunlo anuncia despidos na súa planta do Grove. Polo de agora non está confirmado cantos se verán afectados. Ese dato darase a coñecer a semana que vén. A empresa comunicaba a medida a última hora da tarde de onte por correo electrónico, anunciando a súa decisión de abrir un proceso de regulación de emprego sen dar máis información.
De novo o futuro da planta de Atunlo no Grove volve ser incerto. A noticia saltaba a última hora da tarde deste xoves a través dun correo electrónico. Nel, a dirección da empresa anunciaba o inicio dun proceso de regulación de emprego, o que se traduce na apertura nun despido colectivo do seu cadro de persoal. A CIG cualifica o anuncio de ‘bomba’ tendo en conta que hai tan só un mes a empresa entrara en preconcurso voluntario.
Unha vez feita a comunicación, nos vindeiros sete días terase que constituír unha comisión negociadora. Será nese momento cando a empresa detalle o contido exacto deste expediente de regulación de emprego e a cantos postos de traballo afecta.
Dende a central nacionalista cargan tamén contra a petición lanzada onte nese correo electrónico por parte da dirección, que pedía levar con ‘discreción’ este proceso de despido colectivo.
E lamenta a CIG que a empresa quere facerlle pagar a súa mala xestión ao persoal, sendo o seu mellor activo. Din que loitarán para garanti-lo 100% dos postos de traballo.