Eva Afonso, tiroteada no Grove pola súa exparella, denuncia que o seu agresor estivo en paradoiro descoñecido 15 días

O GROVE> Hai xa cinco anos que Eva Afonso, veciña do Grove, foi tiroteada polo seu exmarido. El está en liberdade provisional á espera de xuízo dende finais de 2020 pero aínda non hai unha data fixada. A Eva esta agarda fáiselle eterna. Máis aínda cando teme pola súa vida, ante os continuos fallos da pulseira que controla os movementos do seu agresor. Denuncia que o home estivo en paradoiro descoñecido quince días. Farta, reclama que se tomen medidas para garantir a súa seguridade.

Hai xa cinco anos que Eva Afonso, veciña do Grove, converteuse nunha vítima de violencia machista. En decembro de 2018 foi tiroteada polo seu exmarido. Agora dá un paso á fronte para denunciar as lagoas do sistema que debe protexela.

A angustia comezaba o 28 de decembro. Eva recibía unha chamada do Centro de Control COMETA para notificarlle que o seu agresor separárase do dispositivo GPS que debe manter monitorizados os seus movementos.

Eva denuncia que esta situación non foi trasladada ao Xulgado de Ourense ata despois de Reis. A pesares dos intentos da Policía Nacional e da Garda Civil por localizar ao agresor, non foi ata onte cando volveu estar controlado cos seus dispositivos.

Pero o calvario desta veciña do Grove non remata aquí. Cinco anos despois de ser agredida, aínda non hai data para o xuízo. O seu agresor está en liberdade provisional dende finais de 2020.

Farta, reclama que se tomen medidas verdadeiramente eficaces para garantir a seguridade das vítimas. E asegura que non poderá vivir tranquila ata que o seu agresor estea en prisión.

Denuncia que incluso trala incomparecencia do agresor no xulgado o pasado mes de novembro, foi emitida unha orde de busca e captura contra el. Algo que, asegura, non tivo ningunha repercusión. Por iso síntese indefensa ante o home que a disparou na cabeza en decembro de 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí