SOS Sanidade Pública busca apoios á súa ILP no concello do Grove

O GROVE> A Plataforma SOS Sanidade Pública recolleu esta mañá sinaturas en defensa da Atención Primaria no concello do Grove. O colectivo está percorrendo diferentes municipios da comarca para buscar apoios para a súa Iniciativa Lexislativa Popular coa que forzar un debate no Parlamento galego sobre medidas para mellorar a asistencia sanitaria. Aproveitaron para denunciar a situación do centro de saúde do Grove, que conta con tan só 1 ou 2 médicos dos 7 que debería ter.

O Grove leva tempo denunciando a precariedade do seu centro de saúde.

A situación no Punto de Atención Continuada non é mellor. O incremento da poboación durante o verán non se ve acompañado por un reforzó no persoal. Por iso reclaman solucións.

Sobre este deterioro na sanidade pública en xeral e na atención primaria en particular quere poñer o foco a plataforma SOS Sanidade Pública. Hoxe recolleron sinaturas no Grove para apoiar a súa Iniciativa Lexislativa Popular. Unha campaña que comezou o día 11 en Vilagarcía.

Hai tempo que o concello denuncia a precariedade da atención primaria no Grove. Un posicionamento no que coinciden todos os partidos políticos da corporación meca.

Dende a plataforma destacaron a resposta da veciñanza á súa recollida de sinaturas, a pesares das dificultades de mobilizar á poboación durante o verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí