RIBEIRA> Tras case medio ano sen pisar as aulas, os cativos volvían ó cole esta mañá para afrontar un curso marcado polas medidas de prevención fronte ó coronavirus. As máscaras apenas deixaban entrever os nervios e a emoción na cara dos pequenos que se reencontraban, contentos, cos seus compañeiros de clase.
Nervios tamén entre as familias que afrontan esta nova normalidade escolar con preocupación pero tamén con optimismo.
No CEIP O Grupo organizaron as entradas e saídas con distintos horarios para evitar aglomeracións nas seis portas de acceso ó centro. Igual coas saídas ó patio, dividido por zonas e en dúas quendas para minimizar a interacción entre o alumnado.
A pesar do complicado da organización dende o centro fan un chamamento á tranquilidade. As instalacións contan con tódalas medidas para garantir a seguridade do alumnado.
Polo momento, segundo o calendario da Xunta, tan só volveron ás aulas dous cursos de infantil e tres de primaria. Será mañá cando se incorporen os catrocentos corenta alumnos do CEIP O Grupo para iniciar un curso cheo de incertezas.