O triplo crime de Valga, un ano despois

VALGA>  Faise un ano do triplo crime machista de Valga. O 16 de xullo de 2019, José Luis Abet asasinaba á súa exparella diante dos seus fillos menores e despois mataba tamén á súa excuñada e exsogra. Agora, xusto un ano despois, Abet regresa a Galicia para someterse á proba de ADN solicitada pola Audiencia Provincial.

O autor confeso do triplo crime de Valga regresa a Galicia. José Luis Abet foi trasladado dende o cárcere de máxima seguridade de León, onde se atopaba, ata a primisón da Lama. O motivo deste traslado, someterse á proba de ADN solicitada pola Audiencia Provincial. Está previsto que se someta a esas probas mañá, xoves, no Xulgado de Instrución nº2 de Caldas. Unha vez concluído este proceso, Abet regresará ao centro penitenciario leonés. Estas probas, por certo, xa foran solicitadas anteriormente, pero tanto o seu avogado como o propio Abet tentaron evitar que se fixesen.

O regreso do asasino a Galicia coincide co primeiro aniversario do triplo crime machista. Era o 16 de xullo de 2019. A primeira hora da mañá, Jose Luis Abet presentábase na casa das vítimas, en Carracido, na parroquia de Cordeiro, cunha pistola do calibre 32.

Á súa exparella asasinouna no coche, cando ía levar ao colexio aos seus fillos, que daquela tiñan 4 e 8 anos. Sandra tiña 39 anos. Acto seguido, no xardín da propiedade, disparou contra a súa excuñada Alba, de 27 anos, e a súa exsogra María Elena, de 58 anos. En total, o asasino realizou ata 15 disparos, dos que 11 chegaron a impactar sobre as falecidas. Abet chegou a recarga-la arma ata en tres ocasións, porque só tiña espazo para 6 balas.

O triplo crime consternou á localidade. O Concello celebraba na tarde do 16 de setembro un pleno extraordinario no que se decretaban 3 días de loito.

Un ano despois, os nenos seguen tutelados pola Xunta, aínda que se atopan en Valga co avó materno. Con todo, a avoa paterna reclama a custodia dos menores. O mércores da semana que vén será sometida a unha proba psicolóxica para tentar facerse cargo dos nenos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí