PONTEVEDRA> O sector cultural é sen dúbida un dos máis afectados pola crise da Covid. Por iso, o Concello de Pontevedra reformulará nos vindeiros meses a súa política cultural. Ademais de convocar axudas para reactivar o sector, o goberno local creará tamén un Consello Asesor e reformará os equipamentos culturais da cidade.
Co obxectivo de reactivar o sector cultural da cidade, o Concello de Pontevedra tratará de reformular nos vindeiros meses a súa política cultural. Un plan que se constrúe a través de catro piares. O primeiro, a diagnose. O goberno municipal tratará de coñecer a situación actual deste sector e o seu impacto económico na cidade coa intención de crear un “Puntazo Cultural”.
O segundo piar deste plan de reactivación cultural está enfocado a reformar os equipamentos culturais da cidade. Dende o Pazo da Cultura, pasando pola súa Sala de Exposicións, ata o Recinto Feiral e o Teatro Principal. O obxectivo, incorporar os criterios sanitarios vixentes e mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a iluminación.
Outro dos puntos máis salientables deste novo plan é a creación dun Consello Asesor. Polo de agora, o Concello de Pontevedra non deu a coñecer os nomes das persoas que o formarán pero si adiantou cal será un dos seus primeiros traballos.
Por último, o goberno municipal decidiu disolver o organismo autónomo do Pazo e, polo tanto, estas instalacións pasarán a ser servizos propios do Concello.
A disolución do organismo autónomo do Pazo farase efectiva antes de que remate o ano. Os obxectivos principais desta decisión son mellorar a xestión, optimizar os recursos económicos e ofrecer unha cultura de maior calidade a todos os pontevedreses.