Rafa Domínguez, sobre o peche de Raíña Vitoria: “A pandemia é a escusa dunha decisión política”

PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra criticou hoxe a decisión do Concello de pechar a Avenida Raíña Vitoria. Segundo o goberno municipal, con esta medida preténdese facilitar o acceso e saída dos alumnos do IES Sánchez Cantón. Así e todo, os populares están convencidos de que esta é tan só unha escusa detrás dunha decisión política.

O peche desta rúa está a espertar as críticas dunha gran parte da cidadanía. O obxectivo desta medida, segundo o goberno local, é facilitar o acceso e a saída dos alumnos deste colexio. Así e todo, moitos pontevedreses cren que é un paso máis cara a peonalización definitiva desta Avenida. O PP fíxose eco esta mañá destas queixas. Os populares cren que é unha decisión unilateral e inxusta e están convencidos de que o goberno municipal está utilizando a pandemia como unha escusa do que eles consideran que é unha decisión política.

Os populares denuncian a falta de consenso por parte do goberno municipal á hora de adoptar esta medida e critican que o Concello non tivese en conta a opinión dos veciños e dos comerciantes.

Rafa Domínguez aproveitou esta rolda de prensa para pedir de novo un estudo do estado do tráfico na cidade. Unha petición que xa realizara o PP nun Pleno municipal e que fora rexeitada polo propio goberno.

Ante o rexeitamento demostrado por parte de moitos pontevedreses a esta medida, Rafa Domínguez adiantou hoxe que o seu partido está a traballar en diferentes accións para tratar de resolver esta problemática canto antes.