PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra deu hoxe un paso máis en dous proxectos importantes para a cidade. Por unha banda, a implantación do transporte a demanda e, por outra, a ampliación do polígono do Vao. Neste último caso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de desestimar o recurso que interpuxo a empresa Bricoking.
Desestimado o recurso contencioso-administrativo interposto por Bricoking contra o acordo adoptado no Pleno do 27 de xaneiro de 2017. Un acordo no que se aprobaba definitivamente a Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para a ampliación do Polígono do Vao. Con esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o goberno local comeza a ver xa a luz ao final do túnel neste proxecto. De feito, neste momento o Concello está a expensas de dous trámites.
Esta non foi a única boa nova anunciada hoxe en Xunta de Goberno local. O Concello de Pontevedra deu un paso máis cara a implantación do transporte a demanda na cidade tras a adxudicación do estudo e da proposta de explotación deste servizo.
O estudo foi adxudicado por un importe de 76.000 euros máis outros 37.000 correspondentes a melloras. O prazo de execución é de 12 meses polo que debería estar rematado a finais de 2021.