2026: o escándalo das peaxes da AP-9 suma e segue

RÍAS BAIXAS> Coa chegada de 2026, continúa o escándalo das peaxes da AP-9. A Autoestrada do Atlántico volve encarecerse, cunha suba nas súas tarifas de máis do 4,5%.

Un dos treitos que sufriu un encarecemento maior é o que conecta O Salnés e Caldas con Pontevedra. Neste caso, entre a peaxe de Curro, en Barro, e a capital da provincia, aplicouse un aumento do 6,45 %, 10 céntimos máis, quedando nos 1,8 euros.

Ademais, viaxar entre Pontevedra e Vigo pasa de de 4,85 a 5,10 euros, 20 céntimos máis. O traxecto entre Pontevedra e Santiago increméntase 35 céntimos, acadando os 7,55 euros. Outros datos: viaxar entre A Coruña e Vigo custará 21,40 euros, 95 céntimos máis. Cruzar toda a AP-9 dende Ferrol ata Tui vale 28,10 euros, fronte os 26,85 que custaba no 2025.

A autoestrada máis importe de Galicia, que cruza o país, mantense como unha das máis caras do Estado. Polo de agora, o goberno central segue apostando polas bonificacións para os usuarios pactadas co BNG, mentres agarda que a xustiza europea se pronuncie sobre a posible ilegalidade da prórroga concedida por Aznar á empresa Audasa.

Lembramos que entre esas bonificacións do Ministerio de Transportes figura a gratuidade das viaxes de volta nun prazo de 24 horas ou descontos adicionais para aqueles condutores que fagan máis de dez viaxes mensuais polo mesmo treito.

Sobre a suba das peaxes da AP-9, a Xunta insístelle ao goberno central en que se conxelen as tarifas. Dende Caldas, o conselleiro de Educación lamentou este novo incremento das peaxes. Román Rodríguez contrapón o modelo coas peaxes das autoestradas de titularidade autonómica, que non experimentaron incremento este ano.