O comité de ENCE retoma as mobilizacións ao non ter novas sobre a mesa de diálogo

PONTEVEDRA> O comité de empresa de ENCE retoma as mobilizacións. Tres semanas despois do compromiso da Ministra para a Transición Ecolóxica, aínda non teñen data para a prometida mesa de diálogo sobre o futuro da factoría. Para reclamar que se cumpra a promesa, hoxe concentráronse ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Unha pequena representación do comité de empresa de ENCE concentrouse esta mañá ante as portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Comezan así un novo calendario de mobilizacións para reclamar que se convoque a mesa de diálogo sobre o futuro da pasteira prometida pola Ministra para a Transición Ecolóxica.

Saben de xeito extraoficial que Teresa Ribera falou co presidente de ENCE, Ignacio de Colmenares. Pero o comité non sabe o contido da conversa, e non teñen ningunha comunicación oficial que confirme algún encontro entre as partes.

A intención dos traballadores é retomar as mobilizacións. Unha vez rematada a parada anual para a posta a punto da factoría, reforzarán as súas reclamacións.

Con esta mesa buscan sentar a todas as partes e solucionar as tensións que se reavivaron coa Lei de Cambio Climático do Goberno central, sobre todo polo contido do seu artigo 18.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí