RIANXO> O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, valorou de xeito moi positivo a activación dunha nova fase do plan de rehabilitación. Así informou de que os veciños interesados xa poden optar ás axudas da Área de Rehabilitación Integral cun orzamento total que ascende a uns 60 mil euros, con aportacións tanto dos Gobernos Central coma Autonómico.
A pasada semana abríase o prazo para presentar as solicitudes de axudas á reforma de vivendas incluídas na Área de Rehabilitación Integral de Rianxo. Tres son os núcleos suxeitos a estas actuacións: o casco urbano, Fincheira e Rianxiño, e 60 mil, o orzamento total das axudas. Dese total, o 80% aproximadamente serán aportados polo Ministerio de Fomento, e a cantidade restante pola Xunta de Galicia.
Durante estes máis nove anos dende a posta en marcha da ARI en Rianxo, foron unhas 165 vivendas rehabilitadas, o que supuxo un investimento total duns 3’5 millóns de euros, dos que preto de 1 foron de subvencións.
O alcalde confía en que a presente convocatoria levante tamén o interese dos particulares e se poidan acometer novos proxectos.
O Concello estuda tamén a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación da ARI máis alá das áreas delimitadas actualmente.