‘Ton construtivo’ na reunión entre Rueda e Lores que remata con compromiso para Santa Clara

PONTEVEDRA> O presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra conseguiron chegar a acordos no primeiro encontro oficial entre ambos dende que Alfonso Rueda é presidente. Miguel Anxo Fernández Lores e Rueda acordaron que a administración autonómica colaborará na rehabilitación de Santa Clara e o traspaso de titularidade da estrada vella de Marín, que actualmente depende da Xunta. Onde non achegamento foi na Variante de Alba: Alfonso Rueda insistiu en que non está nos plans do goberno galego.

Despois de case dúas horas, o presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra abandonaron o encontro con boas sensacións. Sobre todo no que se refire ao ton da reunión.

Houbo entendementos en varios eidos. Un dos máis destacables é que a Xunta atenderá a demanda do concello de Pontevedra e colaborará na rehabilitación de Santa Clara. Iso si, para definir os detalles agardarán a coñecer o proxecto parao convento.

Satisfacción tamén entre ambas partes no referente ao futuro da estrada vella de Marín. O vial pasará a ser de titularidade municipal unha vez que a Xunta execute un proxecto de reforma e mellora da seguridade. Segundo o presidente, serán dúas intervencións valoradas en 8 millóns de euros. Rueda adiantou que se contará coas achegas do concello.

No capítulo dos desencontros non houbo sorpresa. O principal foi a variante de Alba. Unha estrada que non é unha prioridade para a Xunta de Galicia.

Fernández Lores tamén preguntou ao presidente galego polo futuro do Hospital Provincial. Segundo Alfonso Rueda, cando rematen as obras do Gran Montecelo a intención é facer unha importante intervención duns 30 millóns de euros no Montecelo actual, polo que seguirían necesitando o Provincial para acoller varios servizos sanitarios. As obras poden prolongarse ata 5 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí