PONTEVEDRA> Malestar na Deputación de Pontevedra polo boicot á etapa de La Vuelta que se celebrou onte nas Rías Baixas. A proba arrancou con normalidade en Combarro, no concello de Poio. Ao longo do traxecto producíronse manifestacións e protestas a favor do pobo palestino pero finalmente a concentración masiva que se celebrou en Mos, final da etapa, obrigou a adiantar a meta 8 quilómetros. O presidente provincial asegurou hoxe que respectan as protestas pacíficas pero condenan o boicot á proba deportiva.
A Deputación de Pontevedra lamenta o boicot ao final de La Vuelta Ciclista nas Rías Baixas. A décimo sexta etapa saíu onte con normalidade dende Combarro, no concello de Poio. Pero a multitudinaria protesta en apoio ao pobo palestino en Mos obrigou a adiantar a meta en 8 quilómetros.
Na súa valoración, López diferenciou entre as protestas que se sucederon ao longo do traxecto dos ciclistas e a mobilización en Mos. Acusou aos manifestantes de poñer en perigo aos deportistas.
A nivel político, o presidente provincial sinalou ao BNG. A formación apoiou as mobilizacións e mesmo algúns dos seus membros, como o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, participaron nas protestas. Acusou aos nacionalistas de dobre moral.
Así as cousas, López asegurou que Pontevedra é unha provincia comprometida coa paz.
O presidente defendeu tamén que a Deputación continuará traballando para que La Vuelta regrese á provincia.











