PONTEVEDRA> Pontevedra inaugura unha nova zona de lecer no barrio do Burgo. O concello rematou o acondicionamento da parcela situada entre a rúa Fernández Cochón e a avenida de Compostela, xusto detrás do pavillón dos deportes. O novo espazo conta cunha zona verde, bancos , iluminación e dúas pistas para xogar á petanca.
Un novo parque de máis de 650 metros cadrados con bancos, zona verde, fonte, iluminación e dúas pistas para xogar a petanca. Este é o novo espazo do que xa poden gozar os veciños do barrio do Burgo, en Pontevedra.
Con esta actuación, o concello recupera unha parcela moi degradada, situada xusto detrás do pavillón municipal dos deportes.
Neste parque, as protagonistas indiscutibles son as dúas pistas de petanca. En Pontevedra, xa hai doce terreos dotados deste equipamento, pero a intención do goberno é ampliar esta cifra con ata sete novos.
No marco desta actuación mellorouse a conexión coa zona de Pasarón e coa avenida de Compostela, coa creación dunha senda que conecta o parque coa capela de Santiaguiño do Burgo.
Así as cousas, a intervención nesta zona vai máis aló. De feito o concello ultima a compra dunha parcela adxacente de 400 metros cadrados, para ampliar a zona verde.