Os provedores de vodas únense para enviar unha mensaxe aos seus clientes: “o amor non se cancela”

PONTEVEDRA> Nesta crise do coronavirus son moitos os sectores que viven baixo mínimos. Un deles é o das vodas. Co estado de alarma, moitos noivos víronse obrigados a cancelar ou aprazar o día máis importante das súas vidas. Algo que ten importantes consecuencias económicas entre os provedores galegos. Por iso, unha vintena deles decidiron unirse e mandar unha mensaxe de apoio a todas as parellas.

“O amor non ten data de caducidade e tampouco entende de estacións do ano ou días da semana”. Esa é a mensaxe que queren enviar estes provedores de voda galegos aos seus clientes. Ás parellas que tiñan todo preparado para celebrar o día máis importante das súas vidas e que se viron afectados pola crise do coronavirus. A todos eles vai dirixido este vídeo. Unha iniciativa de Silvia Lourido e na que participaron numerosos empresarios deste sector.

Coa cancelación e o aprazamento dalgunhas vodas, a desilusión crece entre as parellas que o tiñan todo organizado, pero tamén entre os provedores do sector. Os cales teñen xa asumido que a súa a facturación caerá en máis do 50% neste 2020.

Co plan de desescalada anunciado polo Goberno central as vodas poderán empezar a celebrarse na fase 2. Iso si, cun número limitado de invitados. O que obriga aos noivos a decidir se queren facer unha celebración máis íntima ou se prefiren esperar a que chegue a “nova normalidade”.

Unha situación chea de incerteza e na que o único que permanece é o amor. Algo que nin o coronavirus poderá cancelar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí