SALNÉS> Boas novas sobre a pandemia na comarca do Salnés. O número de positivos baixa en practicamente todos os concellos. Tamén a cifra global: dos 170 casos activos de onte, hoxe a cifra sitúase nos 153. Boas novas que nos poden estar achegando ao final das restricións.
As últimas 24 horas deixan un bo balance da pandemia na comarca do Salnés. A área sanitaria informou que dos 170 positivos de onte, hoxe hai 153. Son 17 casos activos menos, que representan baixadas en practicamente todos os concellos da comarca.
Só O Grove rexistra un caso a maiores, pasando dos 5 de onte aos 6 de hoxe. Hai ademais 12 persoas que están en seguimento. A Illa e Ribadumia teñen o mesmo número de positivos, pasando dos 5 de onte aos catro de hoxe. En Meaño non houbo cambios nas últimas 24 horas, manténdose os sete casos activos.
O maior número de contaxiados segue a rexistrarse en Vilagarcía. Oito veciños recibiron a alta e coñeceuse un positivos máis, polo que o balance pasa dos 58 de onte aos 51 de hoxe. En Sanxenxo mantéñense os 27 positivos, cunha alta e un novo contaxio. Ademais, hai 44 persoas en seguimento. En Cambados están controlando a evolución de 47 veciños, pero polo de momento son 21 positivos, despois de rexistrar tres altas. En Vilanova foron catro persoas as curadas, pasando dos 23 casos activos aos 19 na xornada de hoxe, con 40 en seguimento. Finalmente, en Meis o balance tamén foi positivo: dúas altas baixan os positivos ata os 14, con 28 persoas en seguimento.
Estas boas cifras mudan o calendario de reunións da comisión de seguimento da pandemia na comarca. Ata o de agora reuníanse os mércores e os venres; un encontro que pasará a ser semanal os martes pola tarde. Hoxe estaba previsto que se reuniran para avaliar a situación e as conclusións se trasladarán mañá aos concellos. De seguir así, non se descarta que se comecen a levantar as restricións que agora mesmo están activas en Meis, Sanxenxo, Cambados, Vilanova e Vilagarcía.