As mariscadoras a pé de Carril piden á xunta o cese da súa actividade pola gran cantidade de ameixa perdida

VILAGARCIA> Situación crítica a que están a vivir as mariscadoras da agrupación a pé de Carril. Os temporais das últimas semana deixaron ás súas zonas de extracción practicamente sen recursos. Dan por perdida a tempada de nadal e piden á xunta que acepte o seu cese de actividade ata o vindeiro ano.

Os problemas non deixan de sucederse para as mariscadoras da asociación Amarcarril. Os continuos temporais afectan con dureza as súas zonas de extracción e as deixan practicamente sen recursos. A última tivo lugar estes días provocando que a praia da Compostela amecera cuberta cunha gran cantidade de algas.

A asociación estima que na praia se perdeu un 98% da ameixa babosa e un 80% do berberecho, e no lombo un 70% de xapónica e un 98% de berberecho. A situación é tan crítica que xa dan por perdida a campaña de nadal.

O cese de actividade xa foi solicitado pola asociación á consellería cos informes dos biólogos. Segundo o presidente, o futuro depende desta parada.

A situación é tan crítica que os mariscadores están dedicando estes días a limpar a praia sen poder extraer a ameixa e sen obter beneficios. A única solución pasa porque a xunta aprobe o cese e deixar descansar as zonas, que o produto creza e volver na primavera con abundancia de ameixas.