VILAGARCÍA> A continuidade da estación hidrobiolóxica do Con está garantida. O reitor da Universidade de Santiago mantivo un encontro cos alcaldes de Vilagarcía e Caldas para ratificar este compromiso. Asegura que os cambios na dirección do centro débense a unha reestruturación das tres estacións que a USC ten en Galicia.
Trátase dun proceso organizativo no que, en ningún momento se puxo en cuestión o seu futuro. Así despexa as dúbidas sobre o futuro da estación hidrobiolóxica do Con o reitor da Universidade de Santiago.
O reitor reuniuse cos alcaldes de Vilagarcía e Caldas para trasladar esta mensaxe. Di que o futuro das tres estacións, entre elas a do Con, está garantido, buscando incrementa-la implicación do estudantado.
O reitor insiste en que a continuidade do persoal está garantida e que a destitución de Fernando Cobo como director débese a que, dende agora, só haberá un único coordinador para O Con, Ferrol e O Courel. O alcalde vilagarcián, pola súa banda, amosou a súa satisfacción pola continuidade do centro.
O reitor amosouse disposto a mellora-la colaboración cos concellos, na procura de novas vías de traballo para estes centros. Polo de pronto, acordaron celebrar unha nova xuntanza nas vindeiras semanas.