O BNG logra un acordo unánime para investigar o último vertido na ría

BARBANZA> A Xunta de Galicia investigará a orixe do vertido de hidrocarburos detectado na Ría de Arousa o pasado trece de outubro. O BNG acadou un acordo unánime no Parlamento para determinar a procedencia da vertedura e contrastar os medios existentes para combater o risco de contaminación mariña.

A deputada nacionalista, Rosana Pérez, foi a encargada de defender a proposición non de lei que foi aprobada por unanimidade na comisión de pesca e marisqueo do Parlamento. Tódolos grupos respaldaron a necesidade de investigar a orixe do vertido que se detectaba hai un mes na boca da ría de Arousa entre a Illa de Rúa e O Pombeiro.

A mancha de fuel, de máis dun quilómetro de extensión, permaneceu activa durante dous días sen que ata o momento de puidera determinar a súa procedencia. Unha das hipóteses é que fóra o emisario do Touro o que estivese vertendo polo que se investigará o correcto funcionamento desta instalación que foi reparada en 2017 cun investimento de 1’6 millóns de euros. Dende a entrada en funcionamento da EDAR de Ribeira o emisario evacúa as augas depuradas do polígono de Xarás. No caso de fallo na depuradora debería aliviar de emerxencia e evitar que augas residuais cheguen ó mar.

A deputada insistiu ademais en que este episodio non constitúe un caso illado senón que é frecuente a presenza de vertidos polo que a contaminación da ría segue a ser unha materia pendente. Demanda que os distintos concellos da ría de Arousa poñan en marcha plans locais coa sinalización de riscos, zonas vulnerables e medios contra as verteduras tóxicas tal e como establece o Plan de Continxencias por contaminación marítima de Galicia aprobado pola Xunta en 2006 e actualizado posteriormente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí