A POBRA> Esta mañá, ó redor das dez e media, producíase un accidente de consideración na autovía do Barbanza, á altura da primeira saída da Pobra do Caramiñal, en dirección a Ribeira. No sinistro viuse involucrado un camión cargado de material de construción, que acabou envorcando no medio da vía. Todo apunta a un rebentón nunha das rodas traseiras, como causa máis probable do accidente. O condutor, e único ocupante do vehículo, resultou ferido de consideración, ó quedar atrapado no interior . Foi necesaria a intervención dos bombeiros do parque comarcal de Boiro e tamén de Ribeira para poder liberalo. O 112 mobilizou a unha gran cantidade de medios de emerxencias, entre eles, o helicóptero. Aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención, e o ferido foi evacuado ó hospital da Barbanza, nunha ambulancia medicalizada. A autovía, no tramo Boiro-A Pobra, en dirección Ribeira, permaneceu totalmente cortada durante máis de media hora. Unha vez excarcerado o condutor do camión, habilitouse un dos dous carrís para proceder á retirada do vehículo e a limpeza do firme. Ata o lugar do accidente desprazáronse tamén varias dotacións da Garda Civil e Tráfico, así como tamén Policía Local e Protección Civil da Pobra, e persoal de mantemento da propia autovía.