Boiro recibe a Bandeira Verde da Xunta polas súas boas prácticas ambientais

BOIRO> Dende o Concello destacaron o feito de ter conseguido a Bandeira Verde, un galardón que outorga a Xunta, e que premia a aqueles municipios que destacan polas súas boas prácticas medioambientais.

En boa parte, grazas a diferentes actuacións xa executadas ou en vías de facelo, que inciden na interconexión dos núcleos coas zonas máis poboadas, a través de corredores e carrís bici establecidos no seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

Tamén inciden en obras como a recuperación dos xardíns do Pazo de Goiáns ou o parque da Cachada, así como a creación de novos sendeiros que unen puntos de interese, como é o caso do do Breiro a Exipto, ou o do estuario do río Coroño con Goiáns.

Fontes municipais tamén aluden ós proxectos de sensibilización con actividades que teñen como finalidade informar á cidadanía das problemáticas locais con actividades como as de eliminación de especies exóticas e invasoras en espazos naturais, ou o programa ‘Boiro libre de plásticos’, para concienciar sobre a contaminación do mar e as praias.