A POBRA> Formalizada a compra do Castro da Croa por parte do concello da Pobra. A administración local iniciará proximamente os traballos de prospección mediante xeo-radar na zona para comprobar o alcance do xacemento.
O concello da Pobra segue a ampliar o seu catálogo patrimonial para o disfrute de tódolos veciños. Tal e como se avanzara recentemente nas xornadas da Pobra no Tempo vén de formalizar a compra do Castro da Croa. O concello investiu 68 mil euros na adquisición da parcela onde se acha o xacemento, situada no alto de Posmarcos.
Unha vez tramitada a titularidade municipal do ben, o concello ten luz verde para traballar sobre o terreo con técnicas non invasivas que permitan sacar á luz os segredos que agocha este castro.
Tamén estudan a posibilidade de solicitar á Deputación da Coruña a súa inclusión no Parque da Idade de Ferro para acceder ás liñas de financiamento da administración provincial para este proxecto.
A adquisición do Castro da Croa vén constatar a importante aposta do executivo pola posta en valor do seu patrimonio, iniciada este ano coa compra da Casa da Cadea e a prospección arqueolóxica na Corte do Santo.











