A Pobra recomenda absterse do baño na praia dos Areos por un episodio contaminante

POBRA> Detectado un episodio puntual de contaminación microbiolóxica na praia dos Areos na Pobra do Caramiñal.

Por esta razón, dende o Concello recoméndase  a veciños e visitantes absterse do baño temporalmente neste areal.

A recomendación parte despois da realización dunha análise das augas nesta praia efectuado pola consellería da Sanidade dentro do Programa de Vixilancia Sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025.

Son probas rutineiras que se realizan entre os meses de maio e setembro para coñecer a evolución da calidade das augas para o obrigado cumprimento da normativa europea.

Os resultados da analítica foron comunicados esta mesma mañá ó Concello, que inmediatamente procedeu á instalación de carteis informativos nas inmediacións do areal.

A análise volverá repetirse en vindeiras datas, polo que o Concello agarda a que a medida sexa temporal, e que os parámetros altos desta bacteria baixen, o que permitiría poder abrir esta praia con normalidade ó baño.